S.136 NON TE ESQUENZAS DO TEU POBO (m)
NON TE ESQUENZAS (S.136)
(Xabier Méndez)
Non te esquenzas do teu pobo, noso Deus,
pois vivimos neste mundo desterrados:
traballamos polo triunfo da verdade,
suspiramos polo acougo na túa casa.
-Sentados na beira dos ríos de Babilonia
reventamos a chorar desconsolados,
ó lembrarnos con saudades de Sión
e nas polas dos salgueiros
penduramos as gaitas que levaramos con nós.
-E alí os nosos opresores mandábannos cantar,
pois querían escoitarnos as cantigas de Sión:
pero nós, aldraxados e sen folgos,
non podiamos cantar en terra allea,
ningunha das cantigas do Señor.
-Que se tollan as forzas do meu brazo,
que cegen os meus ollos
se eu chegara esquencerme de Ti, Xerusalén;
que se apague a miña lingua ó meu padal
se algún día eu de Ti non me lembrara
ó escoller en vez de Ti o meu pracer.
-E Ti, Señor, acórdate do mal que fixeron
cando foi a destrucción da túa vila:
cando os nosos parentes e veciños
rabeando se encirraban uns ós outros e dicían:
“Destruídea, destruídea”.