O tempo de Nadal

 
 
Se algún momento do ano é importante para a música relixiosa galega ese é, sen dúbida, o Nadal. Aproveitamos entón para facer algunha aclaración sobre a música deste tempo litúrxico.
 
 
 
 

DIFERENCIA PANXOLIÑA – VILANCICO

http://www.culturagalega.org/noticia.php?id=3835

 

 

Na liturxia, nas escenificacións e na rúa todos os anos desde o 24 de decembro ata o día de reis cántanse vilancicos e panxoliñas. Non son exactamente a mesma cousa xa que o vilancico ten unha orixe litúrxica e a panxoliña é máis oral. Desde o seu emprego en Mondoñedo no século XVIII foron introducindo no mundo relixioso cantares que recollían características do contorno galego precisamente nunha etapa escura e difícil. Son vilancicos de galego e en galego.

 

No Nadal de 1794 na Catedral de Mondoñedo estreouse un vilancico de personaxes no que un pastor cantaba ao belén. O que parecía un feito anecdótico non foi tal porque era a primeira vez que un cantar litúrxico introducía a figura do pastor galego como protagonista, inserido nun ambiente e un contorno próximo alén de estar cantado no noso idioma, daquelas inexistente na liturxia. Aínda que foi a final do século XVIII cando se popularizaron os vilancicos en Galicia, no resto do Estado español a tendencia na liturxia era precisamente a contraria, a desaparecer porque se levaba dous séculos de esplendor.

 

 

Empezando polo principio

Carlos Villanueva, profesor da Universidade de Santiago e estudoso do tema dos vilancicos galegos estabelece un punto de partida fundamental ao diferenciar entre panxoliñas e vilancicos. "Estes -refírese aos vilancicos- son as pezas en lingua vulgar que se cantan nas igrexas, con textos populares ou poemas de autor, e que se usaban na liturxia das festas principais en xeral; mentres que a panxoliña, por contra, é a canción popular que cantaba o pobo, organizadamente o individualmente na igrexa, ante o Belén e na festa de Nadal". Aínda que as panxoliñas se cantaban no século XV e XVI non hai ningún documento que explique as características das mesmas, o único que queda son restos de como se organizaban os veciños para ir cantar ao neno Xesús e ao portal dos Reis.

 

O vilancico é, pois, unha forma culta tipicamente hispana que se converteu nun xénero relixioso mediante a adaptación das melodías profanas que cantaba o pobo. E nese sentido, para facer chegar as explicacións relixiosas ao pobo foron recollendo os elementos típicos que cantaba nos seus cantares habituais. Foi así como apareceu o vilancico de galego e en galego. Como se popularizaron enseguida, para cada mestre de capela foi de referencia obrigada compoñer pezas para estreada cada ano (composicións que se realizaban a propósito das festas típicas relixiosas: Nadal, Epifanía, Corpus Christi, Ascensión, festividades da Virxe ou Patronos de cada cidade). É por iso que existe grande documentación sobre vilancicos a través das partituras que quedan nas capelas das principais catedrais galegas; sendo as de Mondoñedo e Santiago as máis importantes.

 

Por outro lado, formalmente o vilancico converteuse nalgo semellante a unha cantata, cun esquema formal típico: unha introdución (para solista), un refrán (para seis, oito, dez ou doce voces) e unhas coplas (para un pequeno conxunto vogal ou voz solista) que alternaban co refrán.

 

 

De galego e en galego

A importancia dese vilancico de Mondoñedo do que falabamos antes non foi só porque abriu unha nova era na música das catedrais galegas, senón porque tivo unha implicación moito máis fonda. Creou un vilancico de galego, no que aparece a figura caricaturizada do "galego" que tiña como principais características ser un home rudo, de condición humilde e non moi desenvolto. Este vilancico "de" galego cultivouse en diversos puntos de España, sendo a catedral de Segovia a que alberga a colección máis numerosa (aínda que tamén se conservan mostras en Madrid, Aránzazu, Ávila.. e Portugal). Alén do vilancico de galego, vinte anos despois apareceu o vilancico "en" galego que aínda que están relacionados (un non sería posíbel sen o outro) son cousas distintas. Un fenómeno que coincidiu co comezo do Rexurdimento en Galicia.

 

 

Un pastor galego

O personaxe do pastor galego rivalizou á par con outros pastores: o vizcaíno, o asturiano, o francés ou o italiano, mais "pouco a pouco, afirma Carlos Villanueva, foise convertendo no personaxe protagonista dos vilancicos de idiomas periféricos". E non só iso, afirma "o personaxe do pastor galego do vilancico litúrxico ten moitas características comúns cos das panxoliñas, talvez porque os mestres de capela puñan os seus ollos nos xéneros máis populares para facer creacións de carácter popularízante".

 

A sicoloxía do pastor galego era unha personaxe socarrona, un tanto bobalicona que logo deu pé ao personaxe gracioso dos entremeses. Unha figura que pouco a pouco foi transformándose nunha voz lírica que canta ao neno Deus e que, en Portugal e noutras catedrais castelás, se desenvolveu cunha veta artística. E o pastor galego sufriu tamén as evolucións históricas, porque a personaxe tamén emigrou a América.

 

 

 

 

Máis información en

-Villanueva, Carlos. Los Villancicos gallegos. A Coruña: Fundación Pedro Barrié de la Maza, 1994

- Alén, Pilar. Historia da música galega. Cantos, cantigas e cánticos. Ed.. A Nosa Terra, 1997.

 
 

Contacto

Nosanaicinhadoceo

PARA PEDIR PARTITURAS OU O QUE SE NECESITE, ESTE É O MAIL DE CONTACTO. ESTAMOS PARA AXUDAR.

UNHA PETICIÓN

Moitas veces os grupos e parroquias recollen nos seus cancioneiros a música que van aprendendo e recollendo de diferentes fontes. Moitas destas cancións, por unha ou outra razón, van perdendo a autoría o que é unha verdadeira mágoa. Disfrutamos dos cantos, pero non dos autores, e xa que con esto da música non é fácil que a xente gañe cartos (si, os músicos tamén comen) e moito menos se é música relixiosa e, por riba, en galego; polo menos desde aquí queremos que os seus esforzos e o seu traballo queden recoñecidos.

Non é por falta de interés que algúns destes autores non aparezan nos cantos, xa que intentamos buscar e preguntar por diferentes medios. Tampouco é fácil conectar cos autores da nosa música, nin no facebook (supoñemos que moitos deles non están sequera conectados).

É por iso que queremos facer unha petición ós autores, ós seus grupos, ós seus familiares... que se poñan en contacto con nós para indicarnos os cantos dos que sabedes, de seguro o autor. Hai varios nos que aparecen o grupo que cantou os seus cantos ou simplemente aparece como "popular", ... precisamente para eses pedimos a vosa colaboración e que ninguén se sinta ofendido por non ver o seu nome.

Por outra banda, queremos deixar claro que nesta páxina non gañamos nin un peso coa música que aquí aparece; para nós este é o noso cancioneiro e a nosa parroquia toda Galicia, e con todos queremos compartir. O noso labor só é divulgativo... porque ese é o valor principal da Igrexa na que cremos, a solidariedade, compartir o que temos e o que somos.

Inda así sabemos que hai xente que non é partidario deste labor, polo que, se alguén non quere compartir con nós a súa música, retiraremos as súas composicións desta web se así o pedise.

Graciñas a todos.