Nós

 

Esta web parte da necesidade e o atrevemento dun coro parroquial, o de Santa Baia en Mondariz, que se veu só e perdido cando tentou achegarse ós cantos litúrxicos en galego e non sabía onde buscar. Coma calquera nesta situación, a primeira idea é a de entrar en internet e comezar a buscar, pero como non atopamos nada de onde tirar, tivemos que tirar da paciencia, a memoria e os amigos e compilar cancións para a liturxia pouco a pouco.

Decatámonos de que non erámo-los únicos nesta situación e, co pouco que Deus nos deu, pensamos en facer a nosa propia páxina. Pouco a pouco imos vendo que o que parecía baleiro estaba simplemente esquecido ou abandoado. E así, como o pouco con Deus é moito, chegamos a recoller uns 400 cantos que abarcan tódalas necesidades.

Esperamos que vaia aumentando o número de cancións. Tamén temos en proxecto,- xa que estamos preto da fronteira-, conectar cos coros de Portugal e compartir cantos e celebracións; facer vídeos que acompañen ós cantos,... e algunhas cousiñas máis coas que esperamos sorprendervos.

Todo irá chegando inda que sexa a pasiño de formiga, que tamén fan a súa andaina. Que a nosa Naiciña nos acompañe nela.

Como diciamos os do meu grupo, seguiremos en contacto

 

Nuria M. Núñez

Os nosos usuarios

 

Queremos conectar con tódalas persoas e grupos que queiran participar deste proxecto, en especial parroquias, coros, grupos, catequistas e profesores de relixión. Pero tamén é unha páxina para calquera que busque cantos relixiosos nesta a nosa lingua.

Chegáronnos comunicacións de toda Galicia pero tamén da xente que emigrou e quere unha celebración especial con música, oracións e liturxia en galego. Se ti es calquera destas persoas ou, simplemente queres coñecer algo da nosa fe a través dos noso cantos, recibirémoste cos brazos abertos.

Se dispos de cantos, partituras e notacións musicais que che gustaría compartir con nós, non o dubides, as túas aportacións serán moi ben recibidas.

Gracias por compartir e apoiarnos. Camiñemos xuntos nesta difícil peregrinaxe.  

Historias do proxecto

 

Desde que comezamos a editar a nosa web e blogue en galego e, cada vez que damos un pequeno paso, vemos que o camiño por percorrer é cada vez máis longo e máis apaixoante. Xurden necesidades e tamén novas ideas que ides suxerindo e que tentamos solucionar.

Comezamos cunha web www.xanostesaqui.webnode.es  que recolle todo o necesario para a liturxia, celebracións, oracións... en galego; pouco despois engadimos o blogue que vai seguindo máis a actualidade: xanostesaqui.blogspot.com e, finalmente, decidimos facer outra web específicamente de cantos (por problemas de espacio) que esperamos sexa de axuda. Cambiamos o formato, que nos pareceu máis práctico, pasando da orde alfabética á temática.

Esperamos servir de axuda e ser un pouco o sal e a luz que nos pide no Evanxeo. Facemos só un pouco, pero esperamos que dea sabor e que espante as tebras do camiño.

Agardamos as vosas ideas e suxerencias.

 

Contacto

Nosanaicinhadoceo

PARA PEDIR PARTITURAS OU O QUE SE NECESITE, ESTE É O MAIL DE CONTACTO. ESTAMOS PARA AXUDAR.

UNHA PETICIÓN

Moitas veces os grupos e parroquias recollen nos seus cancioneiros a música que van aprendendo e recollendo de diferentes fontes. Moitas destas cancións, por unha ou outra razón, van perdendo a autoría o que é unha verdadeira mágoa. Disfrutamos dos cantos, pero non dos autores, e xa que con esto da música non é fácil que a xente gañe cartos (si, os músicos tamén comen) e moito menos se é música relixiosa e, por riba, en galego; polo menos desde aquí queremos que os seus esforzos e o seu traballo queden recoñecidos.

Non é por falta de interés que algúns destes autores non aparezan nos cantos, xa que intentamos buscar e preguntar por diferentes medios. Tampouco é fácil conectar cos autores da nosa música, nin no facebook (supoñemos que moitos deles non están sequera conectados).

É por iso que queremos facer unha petición ós autores, ós seus grupos, ós seus familiares... que se poñan en contacto con nós para indicarnos os cantos dos que sabedes, de seguro o autor. Hai varios nos que aparecen o grupo que cantou os seus cantos ou simplemente aparece como "popular", ... precisamente para eses pedimos a vosa colaboración e que ninguén se sinta ofendido por non ver o seu nome.

Por outra banda, queremos deixar claro que nesta páxina non gañamos nin un peso coa música que aquí aparece; para nós este é o noso cancioneiro e a nosa parroquia toda Galicia, e con todos queremos compartir. O noso labor só é divulgativo... porque ese é o valor principal da Igrexa na que cremos, a solidariedade, compartir o que temos e o que somos.

Inda así sabemos que hai xente que non é partidario deste labor, polo que, se alguén non quere compartir con nós a súa música, retiraremos as súas composicións desta web se así o pedise.

Graciñas a todos.