Nós
Esta web parte da necesidade e o atrevemento meu, como membro dun coro parroquial, o de Santa Baia en Mondariz, que se veu só e perdido cando tentou achegarse ós cantos litúrxicos en galego e non sabía onde buscar. Coma calquera nesta situación, a primeira idea é a de entrar en internet e comezar a buscar, pero como non atopamos nada de onde tirar, tivemos que tirar da paciencia, a memoria e os amigos e compilar cancións para a liturxia pouco a pouco.
Decatámonos de que non eramos os únicos nesta situación e, co pouco que Deus nos deu, pensei en facer unha páxina web que dera resposta a esta necesidade. Pouco a pouco imos vendo que o que parecía baleiro estaba simplemente esquecido ou abandoado. E así, como o pouco con Deus é moito, chegamos a recoller máis de 400 cantos que abarcan tódalas necesidades.
Esperamos que vaia aumentando o número de cancións. Tamén temos en proxecto,- xa que estamos preto da fronteira-, conectar cos coros de Portugal e compartir cantos e celebracións; facer vídeos que acompañen ós cantos,... e algunhas cousiñas máis coas que esperamos sorprendervos.
Todo irá chegando inda que sexa a pasiño de formiga, que tamén fan a súa andaina. Que a nosa Naiciña nos acompañe nela.
Como diciamos os do meu grupo, seguiremos en contacto.
Nuria M. Núñez
Os nosos usuarios
Queremos conectar con tódalas persoas e grupos que queiran participar deste proxecto, en especial parroquias, coros, grupos, catequistas e profesores de relixión. Pero tamén é unha páxina para calquera que busque cantos relixiosos nesta a nosa lingua.
Chegáronnos comunicacións de toda Galicia pero tamén da xente que emigrou e quere unha celebración especial con música, oracións e liturxia en galego. Se ti es calquera destas persoas ou, simplemente queres coñecer algo da nosa fe a través dos noso cantos, recibirémoste cos brazos abertos.
Se dispos de cantos, partituras e notacións musicais que che gustaría compartir con nós, non o dubides, as túas aportacións serán moi ben recibidas.
Gracias por compartir e apoiarnos. Camiñemos xuntos nesta difícil peregrinaxe.