O canto é liturxia da comunidade
* É preciso coidar a calidade do texto e a calidade musical.
No canto litúrxico a melodía e o texto conforman unha unidade que non poden separarse e que deben estar a unha altura digna e equiparable.
Un mal texto estraga unha bela melodía. E unha baixa melodía rebaixa notablemente o bo sabor dun belo texto.
En canto ao texto convén coidar o contido e a forma. O contido ha de ser preferentemente bíblico ou inspirado na Sacra Escritura; litúrxico ou inspirado nos textos litúrxicos; de contido, en todo caso, teolóxico e espiritual correcto. A forma ha de ser bela, sinxela (...) digna e até poética.
A música, sen entrar agora noutras reflexións, ha de ser, igualmente sinxela, pero de calidade, servidora do texto e da palabra, de tal maneira que axude a profundar no texto e na palabra, e que evoque un mundo de misterio e transcendencia que nos facilite o encontro co Deus vivo e persoal do noso Señor Xesucristo.
Non é tan fácil, como ás veces crese, lograr un texto e unha música de calidade. Necesítase moita inspiración e moita fondura espiritual.
(...)
* Faise preciso volver dar maior importancia aos cánticos fundamentais, é dicir, ao canto daqueles textos máis importantes na vertebración da liturxia e que tradicionalmente viñeron cantándose, que a outros textos máis periféricos e de menor transcendencia.
* É absolutamente imprescindible o coidar que cada canto se cante no seu sitio, e non fóra del, de tal maneira que non entorpeza, senón que axude á celebración e ao momento preciso en que se canta dentro da celebración.
* Por iso mesmo hai que evitar (...) o "cantar durante a misa" e hai que aprender a "cantar a misa".
* É igualmente urxente saber dar cos cantos o debido acento aos distintos tempos litúrxicos como Advento, Nadal, Coresma, Pascua, Pentecoste... a fin de axudar a captar e gustar o misterio completo de Cristo.
* Non pode menosprezarse, en absoluto, a necesidade do silencio na liturxia. "O silencio -escribe un autor- tamén debe resoar na asemblea". "Observarase tamén -afirma a Instrución Musicam Sacram de Pablo VI- no seu momento un silencio sacro". (Cf. S.C. 30) Por medio deste silencio os fieis non ven reducidos a asistir á acción litúrxica como espectadores mudos e estraños, senón que son asociados máis intimamente ao Misterio que se celebra, grazas a aquela disposición interior que nace da Palabra de Deus escoitada, ou dos cantos e das oracións que se pronuncian e da unión espiritual co celebrante nas partes que di el mesmo". (M.S. 17)
* "Na celebración eucarística hai cantos que gozan de relativa liberdade: o canto de entrada, o da presentación de ofrendas, o que acompaña á comuñón ou o que se canta ao final (...)
En cambio, os cantos do Ordinario da Misa piden tradicionalmente maior respecto e fidelidade en canto ao contido dos seus textos, aínda que na música admitan variedade e creatividade. Neste sentido é conveniente lembrar, tanto aos compositores como aos que teñen que seleccionar os cantos para unha determinada celebración, que cando se trata dos cantos do Ordinario da Misa, deben elixir aqueles que manteñen o texto do Misal Romano, a saber: o Kirie, a Gloria, o Credo, o Sanctus, o Noso Pai e o Agnus Dei". (Nota da Comisión Episcopal de Liturxia de España, 1987) (...)
* Debe coidarse, sen dúbida, a primacía -non a exclusividade- do canto da asemblea. Como moi ben di a Instrución Musicam Sacram: "nada máis festivo e máis grato nas celebracións sacras que unha asemblea que, toda enteira, expresa a súa fe e a súa piedade polo canto". (M.S. 16)
* E, finalmente, en canto á música sacra instrumental, recollamos o que di a Instrución Musicam Sacram desde o espírito do Concilio Vaticano II:
"Os instrumentos musicais poden ser de gran utilidade nas celebracións sacras, xa acompañen ao canto, xa interveñan sós.(...)
Para admitir instrumentos e para servirse deles terase en conta o carácter e os costumes de cada pobo. Os instrumentos que, segundo o común sentir e o uso normal, só son adecuados para a música profana, serán excluídos de toda acción litúrxica, así como dos "exercicios piadosos".(...)
Todo instrumento admitido no culto utilizarase de forma que responda as esixencias da acción litúrxica, sirva á beleza do culto e á edificación dos fieis.
O emprego de instrumentos no acompañamento dos cantos pode ser bo para soster as voces, facilitar a participación e facer máis profunda a unidade da asemblea. Pero o son dos instrumentos xamais debe cubrir as voces nin dificultar a comprensión do texto. Todo instrumento debe calar cando o sacerdote ou un ministro pronuncian en alta voz un texto que lles corresponda pola súa función propia". (M.S. nº 62-64)
Preferencia, pois, indubidable polo órgano e apertura a outros instrumentos (...) e fágase bo uso deles.
Recomendacións Bispado de Tenerife 1985